
José María Castellano Ríos
Presidente executivo de Novagalicia Banco

César González-Bueno Mayer
Conselleiro delegado de Novagalicia Banco
Somos o presidente executivo e o conselleiro delegado de Novagalicia Banco. Escribimos este texto para transmitirlles a nosa ilusión e confianza neste gran proxecto para Galicia.
Con todo, antes de nada, queremos pedir desculpas no nome do banco polo que se fixo mal na etapa anterior.
Estas prácticas producíronse antes da nosa chegada a Novagalicia Banco pero é a nosa obriga facernos cargo. Os clientes das nosas anteriores caixas merecen un recoñecemento público dos erros, unhas palabras de desculpa e o compromiso firme de buscar solucións.
Pedimos perdón por termos comercializado preferentes entre os nosos clientes particulares que non tivesen suficientes coñecementos financeiros, causándolles así tan graves problemas.
Pedimos perdón polas abusivas indemnizacións que percibiron algúns exdirectivos das antigas caixas.
Pedimos perdón, tamén, por algúns investimentos pouco prudentes que se realizaron no pasado.
Estas desculpas non son só palabras para tentar mellorar o estado de ánimo de moitas familias galegas. Son unha responsabilidade e o noso compromiso é claro e firme. Hoxe, garantimos que non volverá acontecer nada semellante.
Novagalicia Banco móvese. Estamos poñendo o noso máximo esforzo en resolver as situacións que crearon as preferentes. Tamén colaboramos coa Xustiza para solucionar os prexuízos derivados da anterior xestión.
E algo moi importante para responder á confianza dos nosos clientes: estamos en pleno proceso de recapitalización. As axudas públicas, as recibidas e as que están en tramitación, confírennos unha garantía de futuro e solvencia. Non cabe dúbida de que Novagalicia Banco ofrece, hoxe en día, o aforro máis seguro.
Pero vaiamos aos feitos, aos cambios que levamos a cabo en só uns meses en Novagalicia Banco para a converter nunha entidade estable, transparente e de confianza.
Renovamos e profesionalizamos o consello de administración e a cúpula directiva. Reaxustamos e fixemos públicas as retribucións. Non hai blindaxes ocultas.
Escoitamos aos nosos clientes, que nos pediron suprimir as comisións nas pensións e nas nóminas. E fixémolo. Xa son máis de 490.000 clientes os que non pagan as comisións máis frecuentes.
Pódese dicir que agora que somos un banco queremos conservar máis que nunca todo o bo que fixeron as caixas.
Algunhas persoas pregúntannos por que decidimos, nun contexto tan complicado, liderar este proxecto.
Principalmente, porque cremos na súa viabilidade. Hoxe seguimos contando co apoio da xente. Un 80% dos galegos traballan con nós e estamos seguros de que Novagalicia Banco terá cada día máis valor, máis sentido e máis futuro.
Ademais, somos un banco novo que pode poñer en práctica unha nova filosofía de relación co cliente. Para nós, esta é unha oportunidade única para cambiar o xeito de funcionar dun banco. E para Galicia é a derradeira oportunidade de ter un banco propio.
Se non o fai Novagalicia Banco, non o fará ninguén. Hoxe, somos xa a única opción de que exista un banco independente galego e para os galegos. Isto tamén nos move a seguir esforzándonos cada día máis.
Propuxémonos ser o mellor banco nacido dunha caixa. E ímolo lograr. Ninguén dixo que vaia ser fácil. Pero confiamos na nosa xente e en Galicia. Cremos que, xuntos, chegaremos tan lonxe como nolo propoñamos.
César González-Bueno Mayer, Conselleiro delegado de Novagalicia Banco